Thursday 16 de May de 2024

O Concello adxudica dous proxectos para a modernización dos servizos municipais dixitais


O Concello de Ribeira ven de adxudicar dous proxectos para a modernización dos servizos municipais e seguir avanzando na construción dunha administración pública máis eficiente e eficaz; mediante o uso das novas tecnoloxías.

O contrato para o Desenvolvemento da integración con carpeta cidadá, adxudicado por un importe de 40.000 euros, ten como propósito a modernización e dixitalización da xestión dos servizos públicos. O concello pretende poder facilitar a oferta de servizos á cidadanía a través do “cartafol cidadán” da Administración Xeral do Estado.
“O obxectivo é mellorar a accesibilidade dos usuarios aos servizos públicos dixitais, así como reducir a fenda dixital entre cidadáns e administración” explica o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Francisco Suárez-Puerta. “Esto mellorará a relación e interoperabilidade entre as distintas administracións públicas cos servizos da Administración xeral do Estado; co fin de facilitar o acceso centralizado e global de toda a súa información polo cidadán.”

Doutra banda, o Concello adxudicou tamén a renovación da rede switching por un importe de 130.680,00 €, o que suporá a renovación e modernización da súa infraestrutura tecnolóxica para favorecer a eficiencia, a seguridade e a conectividade no seu funcionamento. A rede switching municipal constitúe o eixo vertebrador das comunicacións internas e externas da Administración local.
Ambas actuacións enmárcanse nunha estratexia integral de transformación dixital, co obxectivo de ofrecer servizos máis áxiles e eficientes á cidadanía, así como optimizar os recursos internos do Concello.